Thursday 25 de April de 2024

A Xunta destna 5M€ a axudas de cooperación para o desenvolvemento para ONGD e outros axentes


― O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria plurianual 2021-2022, na que o Goberno galego incrementa o seu orzamento nun 6% respecto á orde anterior

― Poderanse financiar como máximo dous proxectos, tanto no caso de execución por parte de ONGD como doutros axentes, sempre que un dos proxectos, a lo menos, sexa executado nun país definido como prioritario no IV Plan Director da Cooperación Galega

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as convocatoria plurianual 2021-2022 de axudas para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación por un importe total de 5 millóns de euros, que serán destinados para proxectos no exterior executados polas Organizacións Non Gobernamentais de Cooperación ao Desenvolvemento (ONGD) e por outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento, como universidades, empresas, sindicatos, fundacións ou comunidades galegas no exterior.

A través desta orde financiaranse proxectos cuxo obxectivo é o de propiciar o desenvolvemento integral dos países de intervención, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano solidario, mediante actuacións para dar cobertura as necesidades sociais básicas, como a educación básica, o abastecemento de auga e saneamento, a xestión de recursos hídricos, a saúde xeral e básica, a habitabilidade e tamén mediante a promoción do tecido económico concretamente en agricultura, desenvolvemento rural, pesca e acuicultura.

A dotación total da convocatoria increméntase nun 6 %, o que supón un aumento na contía dos proxectos a executar polas ONGD na modalidade de proxectos no exterior. Ao igual que na convocatoria do 2020, a subvención distribúese nun 40% en 2021 e un 60% en 2022.

A principal novidade deste ano é a introdución dos cambios debido á aprobación da nova Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, polo que poderase solicitar o anticipo previsto para a segunda anualidade cunha porcentaxe de execución da primeira anualidade do 75% e o prazo de entrega da documentación xustificativa final do proxecto será de tres meses dende a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, con data límite 31 de marzo de 2023.

Coa finalidade de acadar unha maior redistribución dos fondos poderanse financiar como máximo dous proxectos, tanto no caso de execución por parte de ONGD como doutros axentes (que se incorpora como novidade este ano), ben sexa individuais o en agrupación, sempre que polo menos un dos proxectos sexa executado nun país definido como prioritario no IV Plan Director da Cooperación Galega, isto é actualmente, Nicaragua, Guatemala, Honduras, O Salvador, A República Dominicana, Perú, Ecuador, Bolivia, Mozambique, Guinea Bissau e Cabo Verde.